Comunicado do Consello da Avogacía Galega verbo das negociacións das condicións da quenda de oficio

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2024.

Nun encontro clave dentro das negociacións para a mellora da prestación da asistencia xurídica gratuíta, o Consello da Avogacía Galega e a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia lograron avances significativos hoxe, tras unha reunión produtiva que contou coa presenza dos decanos e decanas dos sete colexios de avogacía de Galicia e o Director Xeral de Xustiza.

  • Este encontro, marcado polo diálogo construtivo e o compromiso mutuo, resultou en acordos fundamentais que reflicten optimismo cara á consecución das reivindicacións históricas da avogacía. Entre os logros máis destacados atópanse:
  • Mantemento de Convenios Actuais: acordouse manter os convenios existentes (accesibles en htps://avogacia.gal/convenios) que amplían a cobertura da xustiza gratuíta en Galicia a actuacións non previstas na lexislación estatal, asegurando así un acceso máis amplo á xustiza para todos os galegos e galegas.
  • Convenio de Insolventes: a declaración responsable do letrado/a será suficiente para acreditar a insolvencia do cliente, facilitando o cobro polos seus servizos sen necesidade de ter que aportar probas por veces moi difíciles de conseguir. A cambio, o Letrado designado renuncia á xura de contas e ao cobro da prestación polo cliente.
  • Inclusión e actualización no baremo de indemnizacións: acordouse incluír conceptos tales como a intervención letrada en entradas e rexistros domiciliarios, o proceso concursal, e procesos de especial complexidade en todos os ordes. Ademais, revisaranse e actualizaranse todas as cantidades do baremo, para o que o Consello volveu a insistir na necesidade de incrementar o orzamento autonómico para xustiza gratuíta. Entre tanto, manterase a baremación dos procedementos, códigos e claves sen en ter en conta as últimas reformas das contias dos procesos. 

Estes avances representan un fito máis no esforzo continuo por mellorar o sistema de xustiza en Galicia, demostrando o compromiso de todas as partes por alcanzar solucións que beneficien tanto á profesión como á cidadanía en xeral. As negociacións seguirán adiante, con novas reunións previstas unha vez se constitúa o novo goberno. Por último, o Consello solicitou adiantar a termo de vixencia do Convenio, para acadar estas melloras canto antes.

Sede ICA Ourense

Atención ó público

Calle Concello, 22 Bajo
32002 Ourense

988 210 076

secretaria@icaourense.com

988 370 746

Horario

Oficina ICA Ourense

Xulgados

Calle Velazquez, s/n

618 806 558

Horario