O Colexio de Avogados de Ourense, a través da súa Xunta de Goberno, quere facer pública a súa disconformidade e malestar coa política de tasas xudiciais anunciada polo Goberno de España a través do seu Ministro de Xustiza, Sr. Ruiz-Gallardón. As mentadas tasas introducense mediante o anteproxecto de lei polo que se revisan as tasas xudiciais ata agora vixentes en virtude da Lei de Medidas Fiscais, Administrativas e da Orde Social 58/2002 de 30 de decembro.
A modificación proposta polo ministerio de xustiza, extendería o pago de tasas xudiciais a tódalas persoas físicas cando antes só eran esixidas a entidades mercantís cun volume de facturación superior a 8 millóns de euros. Tamén, introduciría a obriga de que os traballadores paguen os recursos frente ás sentenzas ditadas polos Xulgados do Social en materia laboral e, ademáis, nas xurisdiccións civís e contencioso-administrativa, incrementaríanse de maneira abusiva os seus importes.
Segundo se recolle no referido anteproxecto, as tasas co goberno pretende aprobar son as seguintes:
- Nos procedementos civís:
• Xuízos Verbais (exemplo: desafiuzamento) abono de 150 Euros.
• Ordinarios (exemplo: reclamación dunha débeda superior a 6.000 Euros) abono de 300 Euros.
• Por recorrer a sentenza de primera instancia abono de 800 Euros.
- Nos procedementos laborais:
• Por recorrer a sentenza do Xulgado do Social abono de 500 Euros.
- Nos procedementos contenciosos-administrativos:
• Procedementos abreviados (exemplo: recorrer unha multa de tráfico) abono de 200 Euros.
• Procedementos Ordinarios (exemplo: reclamar por unha neglixencia médica) abono de 350 Euros.
• Recorrer a sentenza de primeira instancia abono de 800 Euros.
As cantidades especificadas anteriormente aboaríanse a favor da administración e sen dereito de devolución, o que serviría, segundo recoñece o propio Goberno de España, para evitar a litixiosidade, é dicir, para limitar o acceso dos cidadáns á xustiza.
Por todo o exposto, entendemos que estas medidas suporían que só los cidadáns de alto nivel adquisitivo poidan acudir aos tribunais e unha discriminación para gran parte da poboación, o que de facto anularía o dereito constitucional á tutela xudicial efectiva.
Desexamos recordar que a Xustiza é un elemento de seguridade para o cidadán, vertebra a sociedade e xera paz social, e deixará de cumprir estas funcións se só unha minoría da sociedade, os máis podentes, pode acceder a ela.
O noso malestar e discrepancia trae causa en que o Goberno de España non plantexara, nin mellorara, nin realizara ningunha actuación en materia de xustiza que non sexa a de propor unhas tasas discriminatorias, cando debería, na nosa opinión, agotar tódalas posibles medidas para mellorar a xestión desta administración antes de plantexarse restrinxir o dereito dos cidadáns a reclamar xustiza.
En Ourense, a 16 de abril de 2012.
A Xunta de Goberno do ICA Ourense










